Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/11/14

El libro de la suerte


Publicado por A buen paso este orixinal álbum de Sergio Lairla con ilustracións de Ana G. Lartitegui, El libro de la suerte é un álbum dobre porque podemos comezalo por diante ou por atrás; por un lado temos a historia do señor Buenaventura, un nome que dá idea do personaxe que imos topar, unha persoa ordeada e que toma a vida con optimismo, a quen lle van saíndo as cousas ben. Por outro lado temos ao señor Malapata; o nome non deixa lugar a dúbidas: sempre lle sae todo mal e sempre vive de mal humor, enfróntase a todo e a todos.
O curiosos é que viven no mesmo edificio, aínda que non se coñecen. E aínda máis curioso será que marcharán de vacacións ao mesmo lugar. Claro está: vivirán semellantes situacións pero antitéticas, con diferentes puntos de vista e sen saber canto comparten. 
E haberá que estar atento ás ilustracións, un prodixio de detallismo que nos pasean dunha historia a outra, dunha vida a outra. Xa dende a portada e a contraportada, sexa cal sexa unha ou a outra.
Sabemos botar a vista atrás e aprendermos?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.