Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/11/14

Nos vemos allá arriba

Cando todos e todas pensabades que Carme nos esquecera... volveu! Con gran ledicia pola miña parte, posto que a botaba moito de menos. Así que aquí está, con renovadas enerxías e paixóns. Desta volta vainos falar dun libro absolutamente descoñecido para min: Nos vemos allá arriba de Pierre Lemaitre, publicado pola editorial Salamandra.
Moitísimas grazas!




“Todos los que pensaban que aquella guerra acabaría pronto, habían muerto hacía mucho tiempo. Precisamente a causa de la guerra”.
Así comeza Nos vemos allá arriba, de Pierre Lemaitre (Salamandra, 2013), novela multipremiada que non decepciona, pero que amosa algúns desaxustes, froito non sei se das présas ou dun afán peliculesco. Tres tempos: novembro de 1918, novembro de 1919 e marzo de 1920. Tres personaxes principais masculinos que ven confluír as súas vidas na contenda bélica do 1914. Albert Maillard, contable anodino; Édouard Péricourt, rico, riquísimo fillo de papá con grandes dotes para o debuxo e, por último, Henri d´Aulnay-Pradelle, ruín e ambicioso (no sentido máis pexorativo do termo).
                Novela clásica na súa estrutura, presenta un narrador omnisciente que realiza frecuentes apelacións ao lector/a . Cun ritmo moi áxil , vai tecendo unha historia onde a guerra se aproveita como negocio,  entrecruzándose fíos de agradecemento, tormento, falta de escrúpulos, arribismo, corrupción e  miseria humana.
                As mulleres, Pauline e Madeleine, semellan ás veces simples marionetas movidas pola aparencia e a frivolidade, aínda que a segunda, nunha parte da novela, sorprende  e dá ganas de aplaudila polo que fai. Pero vai ser  Marlin, funcionario antiheroico quen, na páxina 247, leva a cabo algo que, nos tempos que corren, non deixa de resultar  insólito por inhabitual.
                Novela negra, sentimental, psicolóxica, picaresca (con respecto a este último tipo de novelas, o autor ten mencionado ao Lazarillo de Tormes como o seu modelo narrativo), que presenta no seu final unha escena un tanto rocambolesca e moi pouco verosímil, mais isto non impide que a súa lectura deixe, no remate, a impresión de ter aprendido algo máis sobre a condición humana.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.