Desde o momento da súa publicación, agardaba con impaciencia as letras da miña Mariña: esa que tivo que ver con que este libro fose premiado, esa mesma que contaba entusiasmada canto lle gustaba... Xa sei que anda ocupada cos seus estudos e actividades, pero... fixécheste desexar, prezada nena!
Todo chega, e aquí tedes as palabras de Mariña sobre O gran reino de Eduardo Santiago, publicado pola editorial Xerais quen lle deu o Premio Jules Verne 2014.
O título e o índice fannos pensar que estamos ante a
típica novela de reinos fantásticos e nomes imposibles. Pois
nada diso!
A protagonista, Gala, cuestiónase a realidade e a súa propia
existencia. Ten una mente especial, superdotada, manipuladora e enferma.
O primeiro paso para adentrarse de cheo no seu mundo onde ela é a
indiscutible creadora e destrutora é deixar de comer. A comida é una atadura
mundana da que debe liberarse. Para conseguir ese propósito debe loitar
coas "Batas Brancas", doutores e psicólogos que a tachan de
anórexica, neurótica, obsesiva...
Pero ela é capaz de enfrontalos nunha guerra psicolóxica. Ou non.
Esta protagonista ten un comportamento tan indescifrable para a xente da súa contorna e tan transparente para o lector...
Faiche pensar, vivir na mente de Gala, vela medrar e emocionarte pola
vulnerabilidade de personaxes tan humanos.
Os monstros están nos reinos da súa cabeza ou están no exterior,
alimentándose de todo o que poden para sobrevivir?
Aínda que o enigma dos números e o excesivo tempo dedicado á explicación
dos reinos me fixeran o libro algo máis tedioso, esta historia coa crúa
realidade dun manicomio, a loucura humanizada e centos de caras
demacradas cativoume dende a primeira páxina.
Sen comentarios
Publicar un comentario