Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/11/14

Os inocentes

Encantoume este novo libro de poemas de María do Cebreiro que vén de publicar a editorial Galaxia: Os inocentes é unha invitación a amar a linguaxe, fermoso tesouro que crea mundos novos e que axuda a disfrazar a realidade con optimimismo, con ilusións renovadas. Ademais, está a soidade, o amor, a dor, o baleiro... e a palabra sempre de fondo, sempre como conservación, xeito de facer posible o imposible. É a poesía "inocente" porque só utiliza a palabra? Pero a palabra éo todo, como a única capaz de facer que o mundo permaneza, de ser testemuño del. É a poesía quen ten o poder da palabra, do nomeamento, da relixión do baleiro existencial. Asemade,  é o poeta quen pode ser un intérprete do mundo.
Poesía para gozar, cavilar, reflexionar. Pensar a palabra. 

É inxusto separar a muller do que escribe.
É estraño preferir o acougo á ira.
A razón práctica (pénsao ben)
atravesa tamén os nosos soños.
Ti meterás no peto este poema
como quen fai un avión de papel
e o lanza desde a fiestra en dirección ao vacío.
Feitos coma o papel para voar,
quedamos aquí escritos
para que nin o tempo
nin a eternidade nos consuman.


 Non haberá ningunha realización
á medida do que soñas.
 Caerás da torre e volverás erguerte
 para volver caer.
 Coñecerás o mel da vitoria
para que o fel da derrota prevaleza.
Todo isto, expresado en linguaxe épica,
tampouco estará á altura
da dicción que escolliches. A ironía do libro
non é a dos gregos, senón a dos románticos.
Se o destino é ambiguo, non pode ser chamado.
A vida consiste en gañar e en perder
a aposta ao mesmo tempo.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.