Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/11/14

Somnámbulos

Nunca pensei ler este libro de Suso de Toro nunha noite de insomnio, pero así foi... Mirade que acaído! Cadrou, a verdade. Pero teño que dicir que non me axudou a conciliar o sono posterior, así que a noite foi moi longa. 
Pero que alegría que Suso de Toro volva! Novamente, da man de Xerais e con tres relatos que producen inquedanza baixo o título Somnámbulos. O primeiro deixoume un sabor ben amargo na boca. Un relato de dor, de tortura, de ausencia. De vinganza. De inferno. De traxedia. Un gran relato sobre tempos escuros que seguen, seguramente, a ser esa clase dominante que persistiu na Transición e non nos anda moi lonxe. O paso da loita, da procura da revolución, á integración total no sistema.
O segundo dos relatos é un relato de desesperanza, de vellice, de perda de memoria. Do que nos queda, e do que temos nas casas. Desa parte oculta que seguimos ocultando. Ás veces, ata avergoñándonos. É un relato cercano, presente. Unha denuncia social á soidade da vellice.
E o terceiro é tamén un relato desacougante, de tiranos, de vencedores, de impávidos reis que gobernan na escuridade dos nosos soños. De gobernantes túzaros. Da impiedade. O ditador que non quere durmir por se a morte chega. A panstasma que segue chuchando o pobo. A idade, que nunca perdoa. Como non perdoa o ditador, e négase ante a evidencia do paso do tempo: quere seguir mandando.
Non. Non agardedes que a lectura deste libro vos procure un sono espantado. Lédeo ben de día, cando as pantasmas non pretendan devorarvos entre as sabas. Lédeo á luz do noso inverno chuviñento.
E logo, cavilade.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.