Aproveitei a longa espera para entrar no médico para ler gran parte deste curto libro -dende que estou no novo centro apenas teño tempo para a lectura. E como o gocei! Iso a pesar da atmosfera oprimente que Marquesa Colombi nos presenta en Un matrimonio provinciano publicado por Hugin & Munin, editorial que segue a sorprendernos pola descuberta dos seus textos e pola calidade das súas traducións. Unha novela feminista porque constitúe todo un alegato contra a condición da muller alá contra finais do século XIX; a moza protagonista ten un único degairo para poder fuxir do aborrecemento no que vive: casar. Desta única cuestión deriva a agochada reclamación de cambio nesa sociedade: unha chamada -urxente- á rebelión feminina. E que esta rebelión pase así, en crequenas, polas páxinas do libro é o mérito máis importante.
A opresión familiar e social na que viven as mullers é tal que a moza protagonista namora mesmo sen coñecer o obxecto de tal namoro, unha visión posible en actos relixiosos e un maxín constante durante ese gran tempo de soidade no que vive mergullada. Non se cuestiona nada, é por iso que ese pensamento machista social, familiar e persoal, queda descualificado dende a primeira folla. Así que unha novela ben afastada no tempo segue vixente aínda hoxe, salvando as distancias. Cal é o papel real da muller na nosa sociedade? Foxe a muller da soidade establecida como algo cruel e tenta aínda hoxe casar por riba de todo?
Unha lectura que vos recomendo, xaora!
Sen comentarios
Publicar un comentario