Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/11/14

Vestido de novia

Un día, non hai moito, cheguei, coma cada día, á casa paterna e meu pai díxome dándome un libro: "toma, é para ti, a min non me gustou; logo xa me contarás. É moi complicado". Tróuxeno e aparqueino coma tantos outros na mesa de noite. Logo, vin que é un dos libros estrela da temporada.
Días despois veu o Xefe de Estudos onda min á biblioteca: "Estou lendo un libro que me ten enganchado. Unha pasada". Resultou ser o agasallo de meu pai.
Así que pasado o 25N e o meu cansazo, collino. Ao comezo, non me encandilaba. Pero ao chegar á segunda parte (ten catro), aquilo volveuse pernicioso: imposible marchar a corrixir e pousar o libro. Pero non pode ser!
E aquí está. Pierre Lemaitre consegue en Vestido de novia (publicado por Alfaguara) unha lectura envolvente que atrapa o lector e que dá unhas cantas voltas ao concepto de novela negra. Falamos dun thriller psicolóxico que consegue perturbar o lectorado, que desconcerta e que consegue transmitir a impotencia e o desasosego dun xeito inquietante. Todo isto a base dunha trama que produce calafríos con frases curtas e poucos artificios retóricos, pequenos capítulos nos que sempre ocorre algo. Unha trama que se vai ganduxando pouco a pouco, con fíos finos e invisibles que atan coma cordas a mente do lector a medida que avanza o libro. Porque hai momentos nos que asfixia e hai que parar a respirar sen pensar demasiado e procurando non pórse no lugar da protagonista, atmosfera tensa e agobiante que traspasa as páxinas do libro para chegar á nosa propia casa.
Quizais o final sexa demasiado feliz. Ou non. Porque ben nos cómpre, digo eu.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.