Permanezo cunha sensación agridoce despois de rematada a lectura desta novela de María Reimóndez, merecedora do Premio Xerais 2014, Dende o conflito. Agridoce porque quedo con ganas de profundar máis, de saber máis, de que a autora parase máis nos sentimentos de cada conflito e menos nos persoais. Busca María Reimóndez un equilibrio entre ambos mundos, pero eu, particularmente, boto de menos aquel que me resulta máis afastado e descoñecido. O libro axúdase de diversos rexistros: crónicas doutras
xornalistas, intercambio epistolar, fragmentos
de conferencias, vivencias transmitidas a xeito de pequenas
historias... algo que suxire implicitamente unha reflexión, unha axuda necesaria para entender o estado de ánimo da protagonista e unha reivindicación do papel desenvolto polas correspondentes de guerra como Sofía Casanova, Martha Gellhorn, Lara
Logan ou Marie Colvin. Asemade, a obra lévanos por territorios sempre en conflito como
Kigali, Bagdad, Addis Abeba, Afganistán, Sri Lanka ou Porto Príncipe, aínda que tamén hai espazos para a paz e o afecto, como Londres, Berlín,
Compostela ou Vilalba. Daqueles lugares son dos que eu boto de menos unha maior fondudra.
O libro que temos nas mans convida á reflexión, unha reflexión necesaria que está sempre presente nos textos desta autora. Fala de xornalismo feito por mulleres, de invisibilidades e sobre todo da urxencia de reconstruír a sociedade. Fóra de convencionalismos. Esta é a man que nos tende María Reimóndez. Tomar conciencia das guerras e da situación da muller debe prevalecer sobre outras cuestións, e para iso está este libro, unha crítica contra a
globalización neoliberal e neoconservadora. Sen esquecer a situación da nosa lingua e o noso país. De aí que o libro nos preste unha axuda necesaria e sempre vixente, aquela que non nos permita esquecer quen somos.
Sen comentarios
Publicar un comentario