Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/01/15

Auschwitz

Preparando o Día da Paz achégome a cómics novos coma este, que con tal título é esperable o que imos atopar: o horror máis desesparado provocado pola Segunda Guerra Mundial. O autor de Auschwitz é Pascal Croci e a editorial, Norma. O autor entrevista a persoas que sobreviviron á matanza deste campo de concentración para crear esta obra, dura e certeira. Ilustracións realistas e tráxicas que teñen como obxectivo impedir que as voces das vítimas se esquezan, que as novas xeracións teñan sensibilidade suficiente como para non permitir que se repitan barbaries coma esta... aínda que vendo o que está a ocorrer ao noso arredor, hai moitos días que perdo a esperanza.
Resulta moi interesante asemade porque o libro comeza na antiga Iugoslavia, en guerra, nunha situación que fai que os protagonistas lembren de novo o que xa viviran de mozos. Nese mesmo momento, trasladámonos ao campo de concentración de Auschwitz. Hai entón unha especie de ensinanza moral xa que o autor condúcenos dunha guerra a outra para reflexionar sobre o pouco que aprendemos desta barbarie, que non deberiamos cometer os mesmos erros do pasado, pero a guerra balcánica descobre que a historia é cíclica e que os seres humanos tendemos con frecuencia a deixar de selo.
Por suposto, nada novo nos di este libro. Resalta polos debuxos, coido eu, e o seu realismo sen ataduras, en branco e negro, con persoas que son mortos vivintes de faces anémicas.
Ao final do cómic, páxinas de información sobre as testemuñas coas que o autor falou para escribir este libro.
Non é Maus, pero está bastante ben, coido eu.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.