Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/01/15

Conduce rápido

Tal como indica o título, o estilo de Diego Ameixeiras, autor deste Conduce rápido que publica Xerais, é a rapidez, a esencia do narrativo evitando datos superfluos, descricións longas, accesorios innecesarios. Así vai forxando este autor a súa traxectoria literaria, onde ademais, pretende facer unha radiografía desa sociedade que ten máis próxima, a compostelá, pero polos lados máis escuros que a cotío non vemos. Así pois, o autor recolle os submundos que evitamos contemplar.
Tan só cinco días son necesarios  para a construción da trama desta novela, cinco intensos días arredor dunha presa de personaxes que viven na marxe social, unha marxe violenta de por si. E esta parte violenta será a que vaia dominando cada páxina  a gran velocidade. Nesa velocidade inmíscese o lector que -grazas por escribir novelas curtas, Diego- senta a ler e non se erguerá ata rematar. Así o require a súa lectura, a súa inmediatez, e a súa velocidade violenta. 
Aínda así, entre a violencia e a rapidez, hai espazo para o amor, mesmo para a esperanza. Porque nesta novela coral de Ameixeiras, son dous os personaxes principais que se topan e son quen de mirar o horizonte, con perspectiva de futuro.




    

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.