Sigo coa lectura de cómics sobre guerras e chego a esta curiosa historia real que recolle Chloé Cruchaudet e que publica Dibbuks: Degenerado conta a historia de Paul Grappe e a súa cónxuxe Louise. El faise dersertor na Primeira Guerra Mundial e vese obrigado a agocharse para que non o deteñan. Como saír desa situación? Cambiando de identidade e converténdose en Suzanne. Apaixoante personaxe que se irá facendo dona do verdadeiro Paul, controlándolle a súa vida. Así, a lascivia nocturna, a liberdade sen prexuízos, será detonante para que a muller se apodere do home; isto terá como consecuencia a relación tormentosa coa súa cónxuxe, que non comprende o cambio do home e a aceptación total dunha nova identidade que non lle pertence.
Dez anos despois, os desertores son aministiados. Pode volverse á normalidade tantos anos despois? As consecuencias serán impredicibles.
O abismo, a sexualidade, as relacións de parella, a loita pola identidade... estes temas conforman un cómic que levou moitos premios, como por exemplo o Premio do Público do Festival de Angoulême
2014.
Coido que é un cómic que paga moito a pena. Non só pola historia, senón tamén polo uso da cor da autora, xa que predominas as cores apagadas e entre elas resalta o vermello para destacar obxectos importantes dende un punto de vista narrativo.
Sen comentarios
Publicar un comentario