Gustoume moito este cómic que ademais axúdame a saber máis da historia de Camboia, aínda que quedo coas ganas de ler a segunda e a terceira entregas. Estou a falar de El año del conejo de Tian que publica Sins entido. Unha historia real acontecida á familia do autor, que viviu o chamado "xenocidio camboiano". En abril de 1975 estableceuse unha ditadura que destruíu as cidades e obrigou a vivir no campo, sometendo a poboación a traballos forzados, aplicando métodos de detención, tortura e asasinato en masa. O autor recolle o testemuño dos seus familiares, xa que el naceu xusto tres días despois da toma do poder por arte do "Jemeres rojos", acontecemento que tamén lemos no cómic. Neste libro vemos como a familia tenta fuxir do totalitarismo instaurado e o seu réxime de terror, que aplica eficazmente a conquista do medo e a violencia.
Resulta ben interesante ler estes cómics comprometidos en denunciar a violencia das guerras, dos conflitos bélicos, da perda da humanidade e dos "pequenos milagres" que devolven a esperanza nesta.
Sen comentarios
Publicar un comentario