Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/01/15

Futuro imperfecto

Desta volta, a nosa prezada colaboradora Carme vén cun libro que seguramente coñecedes. Se non o lestes, é hora de facelo. Cando menos, despois de ler as palabras de Carme cremos que hai que lelo xa.
Graciñas, Carme, por vir novamente!



Futuro imperfecto (Galaxia 2010), de Xulia Alonso, é un deses libros que non se deben deixar pasar, e ben o soubo captar o alumnado que lle concedeu o XVII Premio San Clemente, alá polo 2011. É unha historia autobiográfica, contada en primeira persoa, por unha das protagonistas, Xulia, quen afirmou nunha entrevista que estamos ante un “libro subxectivo e moi persoal”. Ao longo das súas máis de duascentas páxinas asistimos á memoria do pasado íntimo e familiar, pero tamén histórico (primeiros anos da democracia).
Moitos dos seus capítulos veñen introducidos por versos de Lois Pereiro, pois contánsenos uns anos de amor e sufrimento, de loita e supervivencia, onde dous mozos, Xulia e Nico, tras coñecérense, inician en Santiago unha travesía que eles soñan que sexa de liberdade, que os leva a querer vivir ao límite, e que os acaba conducindo á heroína. En palabras da escritora, definía esta etapa como aquela na que “cheguei a Santiago para loitar pola miña independencia e perdina alí: fíxenme dependente”. Esta droga, como a tantos e tantas daquel tempo, empuxou a moitos desta xeración ata a SIDA. Tamén contemplamos nesta obra as consecuencias e avance desta enfermidade, que finalmente leva a un deles á morte, episodio do que se parte, sendo a narración unha explicación e unha revisión dos anos que acompañaron ata ese remate.
Pero toda esta historia está tecida con distintas redes: a dos afectos inquebrantables (e non só o da parella, senón tamén o da familia e as amizades, o de Lucía e o seu rebulir), a esperanza, o agradecemento, a lembranza dos antergos, a profesionalidade e cariño do equipo médico...
Magnífica e inesquecible. Grazas sempre, Xulia.
                Queriamos ser transgresores, necesitabamos marcar distancias coas xeracións pasadas, coas nosas familias, intervir activamente no remuíño de cambios que se producían en cadea, imparables, ou polo menos pensabamos que era un proceso imparable, que eramos imparables. Eu sentíame imparable. Caemos na trampa á primeira, paráronnos en seco á primeira, que eficiencia! Porque a transgresión só é eficaz se resiste, se perdura no tempo, se hai supervivencia.”

1 comentario:

PalabrasyMundos dixo...

Dende logo ten moi boa pinta polo que contas, lamentablemente nesas èpocas perdimos a moita xuventude que foise despóis de caer nas drogas. Vouno anotar na listan sen fin de libros por leer. Un saudo

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.