Silvestre Gómez Xurxo reúne en De cristal, publicado por Xerais, cinco relatos que falan de realidades duras que conviven na nosa sociedade e que ás veces nin vemos nin queremos ver. Cinco relatos que a priori resultan máis que interesante para unha lectura xuvenil, porque ben nos cómpre que o noso lectorado axexe outras vidas posibles que moitas veces coidan afastadas e ás que dan o lombo mesmo sen percatarse. Por iso libros coma este son necesarios, porque debemos ter presente que o devir cotiá non é tan sinxelo, que se nós somos afortunados hai moitas outras persoas ao noso arredor que non o son. Que a felicidade, se existe como tal, debemos procurala cada día, pero hai moitas persoas que o teñen ben máis difícil ca nós.
Ata aquí, estaría ben. Pero o libro comete un pecado, dende o meu punto de vista, imperdoable. E é que o autor xa nos procura a reflexión el mesmo. Ese exceso de didactismo que tantas veces se ten denunciado na Literatura Infantil e Xuvenil ten aquí o cupo cuberto. Boto de menos que os relatos presenten estas situacións e só iso: non nos dean o traballo feito, por favor, deixen que sexamos nós, lectores e lectoras, quen fagamos as nosas propias reflexións e cheguemos ás nosas propias conclusións. O autor diríxenos coma se fósemos monicreques polo carreiro que, evidentemente, é o correcto. Pero eu, como lectora, quero tomar o carreiro que eu elixa. E quero que o meu alumnado faga o propio.
Sen comentarios
Publicar un comentario