Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/02/15

El paraíso perdido


Descubrir este libro é un pracer para todos os sentidos. Polas ilustracións de Pablo Auladell, a quen lle debo terme achegado a este texto de John Milton, que non lería se non fose pola oportunidade que nos ofrece arestora a editorial Sexto Piso. Unha visión sobre a rebelión de Satanás e a caída de Adán e Eva que eu non coñecía. Todo isto, en conxunto, nunha edición extraordinaria, luxosa, perfecta. Pablo Auladell, nun traballo impresionante, representa os versos de Milton dun xeito ben ecuánime, sen caer en modas relixiosas. Milton utiliza pasaxes dos evanxeos para reflexionar sobre o papel dos demos, de deus, dos homes, compoñendo máis de dez mil versos para falar dunha dobre expulsión: a de Satán e a de Adán e Eva; con esta obra, é un dos pais da cultura europea dos últimos séculos. Pablo Auladell engade forza narrativa ofrecéndonos un Satanás ambicioso e rebelde que se pode relacionar cos antigos mitos. Leremos en imaxes potentes a luz, a escuridade, a guerra, os demos e os anxos, a forza do paraíso, o pecado, a serpe... ata chegar á vergoña, ao oprobio, ao sufrimento. Ao final, o home converterase nun ser efémero pola seu pecado, e o seu territorio non será precisamente luminoso. Pero foi a súa elección.
Un libro máis que recomendable. Unha alfaia.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.