Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/03/15

Eu curareite, dixo oso pequeno

Este título tan longo é o escollido por Janosch para agasallarnos cunha nova aventura destes personaxes tan entrañables que publica a editorial Kalandraka: Eu curareite, dixo oso pequeno presenta a doenza de tigue pequeno que requirirá os coidados máis cariñosos do seu amigo oso pequeno. Porque cando un enferma precisa mimos, e entre amigos isto é ben doado. Ou cando menos iso é o que nos amosa Janosch cos seus personaxes, onde a amizade é o valor máis digno que se pode ter. Todos os veciños amosan esta mesma actitude, e solidarízanse coa dor -ollo ao humor presente sobre todo no hospital!- dun dos seus amigos, porque estar enfermo é o peor que a un lle pode pasar. E si, valoremos entón que a Amizade, con maiúsculas, é necesaria e debemos apreciala por riba de todo.
Un autor que destaca pola súa habilidade de imprimir tenrura combinada con humor nos seus libros, de que aquela saiba espertar emoción no lector e de que sutilmente os nosos beizos debuxen un sorriso calmo. Porque a historia tamén require iso, a calma de ser contada en alta para poder gozala en plenitude.
Como non imos curar lendo historias así?

 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.