Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/03/15

Imagina

Marabilloso álbum sen palabras de Aaron Becker que publica Kokoro, Imagina foi Premio ao mellor libro ilustrado infantil por parte do xornal "The New York Times" e  "Medalla Caldecott" ao ilustrador máis destacado. O libro é unha extraordinaria viaxe á imaxinación, onde unha nena aburrida ante o incansable quefaceres dos maiores, colle o seu lapis vermello para debuxar unha porta pola que poder entrar. Aquí comeza o seu periplo que a levará a lugares con castelos, artefactos que voan, gaiolas, e máis lapis. Porque será este lapis o protagonista esencial da historia, ese que é quen de debuxar unha nova realidade. Todo é fantástico: a composición, a perspectiva, a cantidade de referencias, as cores, a historia, a intriga, o ritmos... Abrir o libro é botarse a voar, desexar posuír ese lapis vermello para comezar nós tamén esas miles de viaxes que, tantas veces, a nosa vida adulta esquece por falta de tempo. Pechemos os ollos con cada páxina e constrúamos un mundo noso polo que poder andar de cando en vez. Ben nos cómpre.
Un libro que resulta estrañamente imperativo. Unha delicia que hai que posuír. Como o noso propio maxín.




1 comentario:

Anónimo dixo...

s Un bo libro co que agasallar a algún amigo/a.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.