Novela gráfica de Isabel Greenberg publicada por Impedimenta, La Enciclopedia de La Tierra Temprana combina lendas, epopeas, libros clásicos (As 1001 e unha noites, A Odisea, os mundos de Tolkien...) para realizar un libro absolutamente fantástico, sorprendente... que entusiasma. De protagonista, un narrador, un "contacontos" na procura de si mesmo. Polo camiño, monstros, deuses, reis, bruxas, familias... un sinfín de conflitos que atrapa dende o comezo para non soltalo ata chegar a un final absolutamente delicioso. Unha mestura de historias, historias dentro de historia, reflexión en moitas ocasións da orixe do home e dos mitos, das relixións a ela asociados, unha estrutura que abraia pola súa intelixencia, xa que demostra un cambio no ton da narración e marca os diferentes niveis que se van producindo na lectura absorbente que reinterpreta mitos e que ofrece sentido do humor.
Do pouco que entendo de cómic, chama asemade a atención o seu aspecto gráfico, que lembra nalgunhas ocasións a Marjane Satrapi, ou á arte indíxena, oriental, pero que sabe combinar con recursos sofisticados, coar cor que precisa para integrar o mundo sobrenatural.
Un libro para ter.
Sen comentarios
Publicar un comentario