María Canosa é a autora de Rubicundo, libro que vén de publicar a editorial Xerais e no que se menciona que foi finalista no Premio da XXIX edición do Merlín de
Literatura Infantil 2014. O libro conta, asemade, coas acaídas ilustracións de Nuria Díaz.
Unha nena espelida será a protagonista dun libro que, abofé, lerá deseguida o lectorado novo, porque sabe gañalo e porque será Erea quen nos enguedelle coa súa viveza teimuda e expresiva; destaca pola súa intelixencia e a súa constancia, máis pola súa madureza e pola amizade que procura en home tan misterioso. Encatoume a esencia desoutro personaxe que permanece na sombra malia dar título ao libro, porque non será ata o final que saibamos del e do seu misterioso parecer. Un traballo excepcional e unha tristura moi común serán as bases que o sustentan, xogando así dúas esencias da literatura, a fantástica e a real, nun tándem que sen esforzo traza a condición humana, facéndonos partícipes sensibles da realidade. Cadaquén soñará despois cun traballo de tal condición.
A min, particularmente, gustaríame limpar as estrelas para que non deixen de brillar pendurada dunha escada de libros mentres vexo a Rubicundo pedalear constante na procura da súa nai.
Sen comentarios
Publicar un comentario