Interesantísimo cómic sobre a loita das mulleres por conseguir o dereito ao voto. Publicado pola Cúpula, Mary M. Talbot, Kate Charlesworth e Bryan Talbot constrúen en Sally Heathcote: Sufragista a historia dun grupo de mulleres que abren ventás polas que entrará unha brisa que nunca antes estivera permitida. Pero non foi unha loita nada doada, unha loita na que mesmo se puxeron as súas vidas en perigo; estamos na Inglaterra eduardiana e os Dereitos Humanos das mulleres non existen. Que é iso da igualdade? Así, veremos conformar á protagonista, unha moza de pelo vermello que destaca ao longo de todo o libro, que será a cabeza visible do movemento National Women's Social And Politican Union aínda que a obra é basicamente coral porque o que importa é contarnos a loita da que se fala e o tremendo e decisivo período histórico que revivimos. A desobediencia civil, a estratexia política, a aprendizaxe da acción e a reivindicaicón na rúa e a loita case imposible serán os fíos que vaian levando á protagonista e ao lectorado a entender canto lle debemos a esas persoas para que as xeracións posteriores tivesen algo que nunca lles fora dado.
Iso si, o final é tremendamente hiperrealista e demoledor. Dá para pensar!
Sen comentarios
Publicar un comentario