Este libro vai ser, sen dúbida ningunha, o próximo agasallo que lle faga ao meu Breixo, o neno que máis sabe de animais do mundo... que eu coñezo. Cor animal é un álbum publicado por Kalandraka con texto de Agustín Agra e ilustracións de Maya Hanish. Dende as bibliotecas escolares sempre estamos a demandar este tipo de libros, libros de ciencia en galego, que acheguen ao lectorado máis novo conceptos e ideas das ramas das ciencias na nosa lingua. Este álbum é un máis que debemos ter nas bibliotecas escolares, por tanto, para coñecer as habilidades, costumes e curiosidades dalgunhas especies que o libro propón: candorca, oso polar, cebra, guepardo, llama, pantera negra, tigre de Bengala, flamengo, faisán dourado, guacamaio escarlata, tucano, quetzal, cálao, tunqui, mascato de patas azuis, diamante de gould e varios máis que chaman a atención por pouco coñecidos... cando menos para min: seguro que o meu Breixiño haos coñecer todos! Estou desexando que o teña nas mans!
A carón destes textos, unhas moi chamativas ilustracións a base de recortes de xornais, tipografías, papeis pintados, retais... un colorido e suxestivo xeito de nos amosar estes animais que foxen do tradicional.
Collede o libro e viaxade por todos os continentes: seravos doado!
Premiado co Purple Island Award no Nami Island International Picture Book Illustrations Concours.
Premiado co Purple Island Award no Nami Island International Picture Book Illustrations Concours.
Sen comentarios
Publicar un comentario