Antonio Reigosa lévanos polo mundo da fantasía popular neste libro que publica Xerais: Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías é unha máis que acertada antoloxía do contro de tradición oral popular de noso, de agora e de sempre, xa que ademais das lendas tradicionais poboadas por mouras e mouros temos tamén lendas urbanas actuais nas que se fala do roubo de órganos humanos, por exemplo. Vinte e oito grupos son os elixidos por Reigosa para agrupar os contos: O Alén, Heroes e Heroínas, Toponimia, O Demo... unha viaxe no tempo e no noso ricaz imaxinario. E non esquezamos aprender na sección de "Sabías que", xa que todo o que alí nos contan está cientificamente comprobado! (Para curar a
dor de cabeza hai que botar leite nunha bolsa de plástico, envolver nun
pano, deitarse e aplicar o envolto enriba da cabeza ata que pase)
Lectura apaixoante que permite o gozo das lendas, dos ritos, dos sucedidos, da nosa Galicia máis máxica, esa que porfía na fantasía e que nos conta do seu propio espírito, unha alma encantada que nos deixa un ronsel de soños arquivados por Reigosa con cincuenta autores
e autoras. Historias suxestivas que nos fechan os ollos nun mundo onírico de noso. Seres míticos, poderes, criaturas, amuletos, perigos, fontes... de todo hai neste imaxinario que non ten fondo, nesta guía enciclopédica dos encantos -e encantamentos- deste noso país.
Desde logo, se quedades con ganas de máis, que quedaredes, non tedes máis que pasear por galiciaencantada.com,
o espazo web creado e mantido por Antonio Reigosa en internet, xa que este libro é unha mínima parte dun amplo arquivo.
Di Xabier P. DoCampo no prólogo desta obra que “a
narración aspira a se facer memorable no sentido de ser digna de
permanecer na memoria, despois narrala é incorporala á experiencia
propia, mais tamén á das persoas que escoitan, onde o sabido de oídas se
acomoda ao pé do máis propio e faise experiencia” e remata: “Así foi sempre e así segue a ser, e seino porque eu veño dun tempo no que só existía o tempo e a palabra”.
Sen comentarios
Publicar un comentario