Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/05/15

Cadros dunha exposición



Vale. Xa sei que estaba predestinada a dicir que isto é unha alfaia máis.
Vale. Xa sei que non son obxectiva.
Vale. Xa sei que amaba o libro antes de ser libro.
Vale. Xa sei que amaba as ilustracións antes de seren.
Vale. Xa sei que son a fan número 1 do señor Xosé Cobas.
Vale. Xa sei que enmudecín cando o libro pasou a estar nas miñas mans.
Vale.
Pero agora que alguén me diga que estou equivocada. 
Imposible non namorarse. 
Un libro que é un paseo polo Museo de San Petesburgo para coñecermos dez cadros do pintor Hartmann mentres escoitas a música de Mussorgsky envolta nos acordes de New York Philarmonic dirixida por Giuseppe Sinopoli. Todo isto adubiado polas ilustracións de Xosé Cobas que nesta obra supérase a si mesmo. E isto é un feito obxectivo, ollo! 
Cadros que toman vida como a vida que nos dá a arte, a música, a pintura, a ilustración. Isto é tan real como o camiño que nos leva polo libro. Música programática que nos describe, que nos evoca imaxes. E mentres a escoitamos somos ocas, ou parrulos, ou entes que pasean da man de Cobas para convertenos en pinceis que harmonizan a obra toda. Non desexamos ser lectores que teñen un libro nas mans. Desexamos ser simplemente un trazo creado polo ilustrador que nos permita segur alí dentro, cando Alguén se atreva a pechar o libro e pousalo nun andel para, quizais, esquecelo; pero nós seguiremos vivindo alí dentro, bailando cunha música, canturreando ou gaznado, pois a esas alturas non imos marchar co resto da manda. Alí permaneceremos, soñando con formar parte dun compás sen estridencias. Así son as ilustracións de Cobas: delicadeza feita arte.

Modest Mussorgsky compuxo a peza para piano "Cadros dunha exposición" en 1874. Victor Hartmann era un arquitecto, acuarelista, deseñador e amigo de Mussorgsky, que morreu con tan só 39 anos. Tempo despois, Mussorgsky decidiu escribir unha suite para piano de dez movementos, cada un dos cales representaba un dos cadros de Hartmann. O enlace entre todos os movementos era un tema de "paseo".
Por certo, é Kalandraka -quen ía ser!- quen nos ofrece esta obra de arte con texto de José Antonio Abad.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.