Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/05/15

Con el ojo de la i


Agardando a visita de Mar Benegas, chego a este seu último libro que publica A buen paso: Con el ojo de la i, onde novamente desprega as súas dotes poéticas de xogo infantil para ofrecernos un divertido percorrido polo mundo das letras. Imposible non aceptar entrar neste mundo ao que nos convida a autora. Aínda que o libro nos ofreza unha viaxe, dános igual permanecer na casa: quen nela queda tamén pode participar; dende logo, para quen vaia de viaxe esta será máis curta, doada e pracenteira: as palabras cobran forma, vida, enigmas, trábanse, agochánse, míranse ao espello, desparecen... Cada lector/a será un detective na procura de novos significados, poderá utilizar o libro cun lapis, deberá recitar e mesmo pórse a proba. De todo hai!
O libro está estruturado en varias partes. Unha primeira -"Viajeros al tren"- na que atopamos xogos visuais; na segunda -"Lenguajes secretos y otros misterios en los vagones"-  resolveremos misterios e claves secretas; na terceira -"Cambio de vías, trinos, trabalenguas y otros traqueteos"- teremos trabatempos para que o tempo non nos pareza interminable; a cuarta xa é o despiporre... con este nome, que poderemos agardar?: "¿Hablamos can las vacalas?"; pero todo o bo remata e nesta parte teremos que estar ben atentos para non errar: "Canciones para elegir quién se levanta por el zumo".
Un libro de poesía. Un libro de xogos. Un libro de imaxes. Un libro de descubrimentos. As palabras agochan imaxes. As imaxes agochan palabras. Cantas cousas agocha este libro?
As ilustracións de Olga Capdevila son compañía perfecta nesta viaxe detectivesca arredor da palabra imaxinativa.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.