Fermosísimo álbum da editorial Juventud de Torben Kuhlmann ao que non puiden resistirme cando o vin: Lindbergh. La increíble aventura de un ratón volador é a historia dun rato piloto que logra atravesar o Océano Atlántico dende Hamburgo ata Nova Iorque, unha chiscadela á historia da aviación, xa que foi o americano harles Lindbergh quen cruzou por primeira vez ese océano en 1927 e ao revés, dende Nova Iorque ata París. Claro que isto -se non sabemos a historia- non o descubriremos ata ao final, pois nós estamos a ler as aventuras dun rato moi valente que medra antes as dificultades e non teme a nada, soñando con reunirse cos seus compañeiros que sabe emigrados na procura dun mundo mellor. Para iso este rato afouto inventará unha estraña máquina que voa, inspirándose nos morcegos, uns animais que deben ser parentes, polas semellanzas.
O álbum constitúe así unha homenaxe a inventores e aventureiros que perseguen os seus soños e constrúen as grandes historias da humanidade. Un álbum que mestura ficción e información e que demostra que serve para todas as idades lectoras.
E sobre todo, un flipe de ilustracións, que narran o ambiente en xeral e as emocións en particular.
Sen comentarios
Publicar un comentario