Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/05/15

Para cada tiempo hay un libro

Un libro con textos de Alberto Manguel sempre é unha garantía. Este que publica Sexto Piso vén acompañado, ademais, das fotografías de Álvaro Alejandro. 61 imaxes que establecen un diálogo acertado con 12 textos breves que falan de libros e dos seus universos. Ambos, acordan realizar unha homenaxe perfecta ao libro, nunha comuñón diversa e variada dun universo ao que eu pertenzo.
Así pois temos nas mans un rexistro que é a vez visual e textual dun mundo pequeno e grande, dun obxecto que vén dende o comezo dos tempos, dun sentir que é paixón, necesidade, amor. Un escritor só vive se ten lectores. Un visir viaxa cos seus libros para non sentirse só, un manuscrito que salva vidas, un conxunto de cartas que son testemuño do amor... Todo canto contén a palabra, escrita e oral, é necesaria para o home, para ser, para existir, para vivir, para soñar. Para pertencer. E nesa diversidade vive asemade a diversidade do ser humano.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.