Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/06/15

Cabalos e lobos

Pasáronme dúas cousas curiosas con respecto a este libro: que me xerei a min mesma unhas expectativas enormes e que o lin na peor época do ano, en pleno estrés de exames e traballos de fin de curso, polo que a súa lectura prolongouse no tempo debido á escaseza de minutos que lle dediquei cada día. Co cal, o resultado supoño que é diferente ao que debería. Porque teño que dicir, que Cabalos e lobos, de Fran P. Lourenzo, Premio Blanco Amor 2014, publicado por Xerais, defraudoume. E, xa digo, penso que eu teño moita culpa diso.
O argumento da novela é interesante, un proxecto que narra unha historia familiar de orixe alemá que se instala en Vigo. Claroescuros dunha familia que percorre o século XX amosando aquilo que non se ve, as sombras que quixeramos decote permanecesen sempre ocultas. O percorrido que realiza o autor sobre a historia do século XX chega a ser fascinante ata mediados do libro, no que decae para converterse nunha novela rosa de amores furtivos. Esta parte, aínda sen caer no folletinesco, semella un pouco rimbombante, aínda que sexa a que, seguramente, a que máis enganche a lectores e lectoras. Amores castrados por prexuízos que seguimos sen entender. Amputacións da memoria que non evitan a soidade daquela protagonista que semellaba nun principio a bruxa malvada dos contos tradicionais. Para ben, páxinas adubiadas de Literatura varia, tanto en citas e alusións como en textos que les os personaxes, destacando os versos de Luís Pimentel para sustentar as páxinas eróticas e a paixón que vive un dos personaxes principais, aquel que nos vai servir para entender o desenvolvemento de tantas accións iniciadas na saga familiar e que non serían entendibles sen a súa visión e vivencias.
Así que, xa digo, dádelle a oportunidade que eu lle neguei nestas vacacións a un libro que está ben construído e fiado, que posúe un ton evocador que nos leva da man a un final agreste e que sabe construír unha historia complexa.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.