Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/06/15

Jim en el espejo

Por fin a miña Mariña rematou os exames e volve a ler e a gozar coa lectura. Hoxe chéganos a súa recomendación: Jim en el espejo de Inger Edelfeldt publicado por Lóguez.
Graciñas, Mariña.
 

Este libro preséntanos a historia de Jim, un bo rapaz que vive reprimido e con remorsos porque as mulleres o deixan indiferente. 
Percorremos a vida do protagonista, Jimmy (síntome con dereito de chamarlle así logo de acompañalo durante todas as páxinas e apoialo silenciosamente) dende a súa infancia ata a madurez e vemos como vai medrando o seu autodesprezo e o odio cara ao mundo exterior.
Un rapaz tranquilo que sofre acoso na escola por non comportarse coma un baboso coas rapazas. Un adolescente que se autopresiona para ser o mellor nos estudos. Un home que pouco a pouco se vai aceptando e xa non intenta cambiar por un mundo que non o acepta.

Recomendo moito esta obriña de arte porque a autora ten un estilo marabilloso que cativa dende a primeira páxina e porque sentín o sufrimento e os obstáculos deste meniño tan reais e cercanos como se estivera lendo o diario íntimo dun amigo.
Díxenme a min mesma ao ler as dúas primeiras páxinas: "Isto tenme moi boa pinta! " E papeimo en pouco tempo levando empacho de emocións.
Eu non son de chorar con libros nin películas, pero está claro que sempre hai excepcións...
  
En canto ás personaxes todas se me fan moi auténticas e adoro as cartas ao psicólogo escritas pola nai ao comezo de cada capítulo, dándonos a súa sufrida perspectiva da "evolución" do seu fillo. Pero hei dicir que lle vou montar un altar a Mats, o seu mozo, pola súa actitude sempre desenfadada e irónica, polas súas rarezas e porque fai unha parella fabulosa con Jimmy. 

Jim foi saíndo paseniño do seu abismo de tristeza e curou o seu corazón magullado pouco a pouco, con moito drama pero, sobre todo, con amor e valor.
Inocentemente non entende como se lle pode facer tan complicado dicir: "Amo a quen amo, alguén quere protestar?" pero visto dende o outro lado das páxinas é bastante comprensible....
Súa nai rompe a chorar cando descobre que está vivindo con un home e seu pai rexéitao completamente, como se lle acabaran de dicir que o seu fillo é un asasino en serie e un profanador de tumbas.
Pero, a quen lle importa? El descubrirá (por fin) que non está facendo nada malo e vai seguir ao lado da persoa que quere, péselle a quen lle pese.
Algo completamente inxusto. Por que ten que pasar por todo iso para finalmente aceptarse a si mesmo? Por que lle toca a el loitar desa maneira?
Se estivera saíndo cunha rapaza seus pais estarían encantados, armarían unha voda, virían netos e o seu coitadiño fillo non tería que facer fronte a prexuízos e desprezos no seu propio fogar, polo mundo adiante e dentro de si mesmo. 
Sería máis feliz argallando toda esa mentira? 
Pois non Jimmy, porque finalmente gañaches a loita e non te odias por ser capaz de amar.

 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.