Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/07/15

Chancho-Pancho


Temos a sorte de contar cunha editorial así de sensible que quere traernos toda a obra de Maurice Sendak. E así, Kalandraka publica -en español- Chancho-Pancho, a última obra que o noso admirado autor escribiu e ilustrou antes da súa morte e logo de estar dedicdo a ilustrar obras doutros autores.
Estamos ante un álbum "toliño" onde os rapaces son herores que rachan coas normas que adultos e adultas estamos empeñados en establecer. Desta volta o noso protagonista é un porquiño orfo que xamais contou cunha festa de aniversario... ata que por fin monta el un pola súa conta, unha festa de disfraces con todas as amizades convidadas. Cunhas ilsustracións que "rebordan" celebramos nós, lectores e lectoras, a festa canda eles. Que ben o estamos a pasar!
Claro que a tía non vai estar de acordo con semellante desmadre, pero haberá que tentar pórse a ben! A vulnerabilidade da infancia ocúltase baixo esa tea de ironía -retranca- que o autor tan ben sabe imprimir nos seus álbums. Un álbum irreverente onde o autor, asemade, recolle técnicas comiqueiras coma os carteis ou os bocadillos.
Un libro para pasalo ben e gozar deste humor sabio que un autor máxico posúe. A diversión está garantida, ao igual que un ritmo trepidante que medra con cada páxina.
Con el, a vida ten máis cor.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.