Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/07/15

El murciélago

A que foi primeira entrega (data de 1997) de Jo Nesbo co seu detective Harry Hole vén de ser publicada non hai moito por Roja & Negra: El murciélago ten, como non, un ritmo trepidante que engancha dende a primeira liña ata a última, pero con sabor a literatura ben feita. Con esta entrega, coñecemos o detective máis profundamente xa que nos dá as claves da súa personalidade. 
A acción desenvólvese en Sidney e ten como pano de fondo o racismo e os aboríxenes explotados polos brancos nun continente tan afastado como é Australia. Un caso que será complexo e que nos irá ofrecendo datos e curiosidades sobre o xeito de vida dunha cidade e dun país diferente, da súa fauna e das súas lendas. Con el aprenderemos a pasear por unha fermosa cidade que se prepara para as Olimpíadas, pero tamén que as peculiaridades do país manteñen tan só na aparencia unha cohesión cultural e racial que, ao pouco de rañar, non existe. Asemade, o pasado do protagonista aflorará de cando en vez para que comprendamos a súa personalidade.
Destacar, claro está, que se nota ben que o libro é o primeiro e que o autor foi gañando co paso do tempo. É correcto, pero non é unha obra mestra -como é para min Petirrojo-. Pero saber da vulnerabilidade do noso detective ten o seu aquel, aínda que falten os diálogos e as reflexión éticas do resto das entregas.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.