Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/07/15

La vida soñada de Rachel Waring

Cunha fermosa capa, Impedimenta publica La vida soñada de Rachel Waring de Stephen Benatar. Un libro divertido, excéntrico, desconcertante.
A nosa protagonista herda unha casa. Ata aí todo normal. Deixa o seu traballo e cambia de residencia para instalarse nela. A partir de aí comeza o inesperado. A loucura, a ledicia máis absoluta. Ela é a narradora e a nosa lectura vai adquirindo matices patéticos a medida que avanzamos. Pouco a pouco, perde a credibilidade para que nós asistamos atónitos a todo o que fai. A ledicia reconvértese en loucura, e nós somos testemuñas presenciais e obxectivas. Pero esa loucura vainos deixando trazos xeniais polo camiño, destacando aqueles onde unha muller madura ten as súas propias... necesidades?
O libro, asemade, engancha porque o autor é quen de amosarnos a diferenza entre realidade e loucura dun xeito moi sutil, sendo capaz de levarnos por un camiño que nos deixa observar o que a protagonista conta por un lado e o que de verdade ocorre polo outro. E moitas veces cantaremos e bailaremos canda ela, porque o sentido do humor predomina na escrita. É así como nos situamos ante unha protagonista inesquecible e desenfadada que consegue estarmos pegados á lectura.
Pero na ledicia, na loucura, existe o noso temor á soidade, ao paso dos anos, a non construírmos os nosos soños.
Por iso, resiste un pouso de amargura.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.