Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/08/15

A boca da terra

Publica Xerais o novo libro de poemas de Manuel Rivas, A boca da terra
 Manuel Rivas escribe versos que queremos reter na nosa memoria, imaxes feitas con palabras que quedan penduradas dos nosos beizos para rememorar e pronunciar en voz máis alta, case queda, case a berros, porque fai súa "a liña naúfraga do horizonte". Queremos repetir eses versos sen atragoarnos coa tristura nin coas lembranzas, soñando un futuro incerto cheas de "cores insubmisas dos cabalos". Porque a "memoria do lóstrego que matou e morreu" blasfema cando permanece agochada, e descubrímola a través da incerteza de versos desfeitos en ecos. E se "hai un himno que interpela o destino" aprenderémola canda Rivas, desprendéndonos da Historia. Unha Historia na que fala a terra, a natureza, aquilo que nela vive, se mova ou non; e isto abrangue os seres humanos, que da terra proveñen e a ela volven, mentres aprenden a "caer con dignidade". E é que "na terra escondida fálase unha lingua que chove cos pés descalzos", unha "lingua en extinción" que sofre "a guillotina das fiestras da taberna submarina". Deixemos falar a Terra porque a Saudade é unha "puta que anda en tacóns altos", deixémola falar porque aos humanos tan só lles resta "nostalxia horaria" dunha natureza que esgotou.
Hai máis ca un "Día da Tristura".


O recado

Que levas hoxe, neno?
Póñame un lento afundimento,
por favor,
e un anaco de horizonte salgado.
Póñame
unha presa de ollos secos,
sen graxa de bágoa.
E póñame tamén un pouco de nada.
Un chisco de nada ben curado.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.