Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/08/15

Americanah

Chimamanda Ngozi Adichie é a autora de Americanah, libro que nos recomendaron no último curso de Igualdade que fixemos en Lalín, e abofé que é unha boa recomendación! Está publicado por Random House Mondadori. 
Americanah é unha novela que fala de amor, sobre todo. E arredor deste tema tan suave, a autora aborda outros máis espiñentos como é o racismo ou as diferenzas sociais. “Americanah” é o alcume que se emprega en Nixeria para falar daqueles habitantes que vovlen dos EEUU, ridiculizando os seus costumes. Pero a nosa protagonista non renunciou á súa identidade africana mentres estivo naquel país, ben ao contrario, afianzou as súas orixes. Porque nesta novela fálase da construción da identidade, da importancia das cuestións raciais (de aí a importancia do cabelo ao longo das súas 600 páxinas), e mesmo do mito do regreso.
Chama a atención que a novela, a pesar do esperado, sexa tan optimista -non falta o final feliz- e non nos atopamos ante a muller sufridora e desgraciada que poderiamos crer atopar a priori. Non, a protagonista é unha personaxe feminina alegre que se enfronta a un mundo difícil e mesmo ten que pasar por unha depresión; pero ama a vida, os homes, o sexo, e o éxito. E este éxito é, e iso é importante, independente, sen estar suxeito a ningún home que puidese ter ao redor. 
O mellor da novela quizais sexa que a autora consegue amosarnos a complexidade das vidas dos protagonistas dun xeito sinxelo e atractivo, ás veces con crueza, sempre con humor, criticando tanto a cultura occidental como a nixeriana. Ser inmigrante negro nunha sociedade branca, crearse unha identidade fóra de ditados sociais, é a base destes personaxes que nos conquistarán.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.