Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/08/15

As Crónicas de Bran. A revolta dos mestres

Deille ao meu alumno Adrián Mato estes libros para ler no verán porque eu non os lin, non e o meu xénero. Aquí nos chega a súa primeira impresión. 
Estou a falar de As Crónicas de Bran de Xosé Duncan (con ilustracións de Kaiser Wilhem, ou Carlos Calviño), tres volumes publicados por Contos estraños. Este libro ten o seu propio blogue.

  Isto é o que nos di Adrián:




  Podo asegurar que, e  iso que aínda lin só a primeira parte desta prometedora triloxía chamada As Crónicas de Bram que me recordou moito a outra triloxía o Señor dos aneis,  é ben interesante, unha historia de fantasía, aventuras e acción, que transcorre nun universo de maxia inspirado no mundo celta.
Estou impaciente por comezar a ler os dous libros que me quedan porque ademais sería unha superación para min, dado que é a primeira vez que remato tres libros da mesma saga.
 A base do libro encantoume así como a sucesión das aventuras e a narración da historia en terceira persoa, dado que se prescinde dun personaxe principal aínda que se deixa entrever quen é esa personaxe: Bran é novo e inexperto; porén a historia non vai estar centrada no seu desenvolvemento persoal,  pois o seu papel estará lonxe de ser central: non é un heroe. Tamén me gustou que houbese conversas entre os malos tamén e non só entre os bos. Á súa vez é un libro sinxelo de ler, pero podes perderte nalgún dos seus capítulos. Utiliza unha linguaxe sinxela e áxil, de aí que sexa unha lectura doada, con poucas descricións e moito ritmo.
O principio é un pouco lioso como se vai desenvolver a acción pero pouco a pouco vai colocando a cada quen no seu sitio, ata obter dous bandos que se enfrontaran entre si: a loita entre Ben e Mal . 
Definitivamente, encantoume este libro.

"Chantado no centro da enorme sala, o mozo estendía os brazos apuntando cos dedos a cada uno dos extremos do cuarto. A man esquerda sinalaba o punto por onde xurdira o sol non había moito e a dereita trazaba pequenos círculos, animando o astro no seu camiño até o solpor. Ondeaba, suave e elegantemente, as amplas mangas da súa camisa azulada coma se quixese atrapar os ventos da mañá debaixo do poroso tecido. Baixou a cabeza e, recitando nun murmurio as antigas palabras , reclamou o poder dos seus antepasados cunha timidez case reverencial. Deixou durante uns instantes que a súa longa cabeleira reflectise os nacentes raios do sol e que brillase como un campo de trigo. Subiu o volume da pregaria e, respondendo á súa chamada, unha ducia de bolboretas emerxeron da nada e voaron arredor dos seus brazos. As intensas ás azuis desprendían diminutas chispas que desfacían, a cada fulgor, un anaco de fina membrana que as formaba. Canto máis se consumían as ás, máis frenético era o voo das bolboretas que xa pousaban as finas patas sobre a pálida pel de Bran ao non se poderen manter no ar. As runas que o mozo tiña tatuadas nos antebrazos reaxiron ao contacto dos insectos e comezaron as brillar con intensidade"

2 comentarios:

Xosé Duncan dixo...

Moitas grazas pola vosa opinión e por lle adicar parte do voso tempo á lectura destas Crónicas. Agardo, de corazón, que gustedes da historia ao completo (xa que, para min, é unha única novela malia estar dividida en tres volumes) e podedes contar comigo para comentar ou falar de calquera dos personaxes, tramas secundarias ou curiosidades sobre a obra.

Unha aperta ;-)

Ronsel dixo...

Moitísimas grazas pola túa xenerosidade. Conta con que daremos a lata!!! Saúdos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.