Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/08/15

María cumple 20 años

Un agasallo especial dun amigo especial este María cumple 20 años de María Gallardo & Miguel Gallardo da editorial Astiberri. Un libro que vén a ser unha segunda parte ou unha actualización daquel María y yo que tantos éxitos tivo. Achegarnos ao autismo a través do cómic e da mirada dos seus protagonistas. Volvemos ter a emoción do estilo directo a través dunha persoa que mira, que se relaciona, que berra, que belisca... e que provoca un sorriso especial. Hai moita tenrura ante un mundo que nos resulta descoñecido, pero que é vida. Vida. Unha vida ben especial. Como é especial a relación entre pai e filla, entre a persoa e a música, a persoa e o debuxo, a persoa e a arte. Todo iso é a Vida. Só debemos tentar comprendela. E facerlle caso. 
Non, non hai nada novo respecto ao anterior volume. A vida evolúe e as persoas cambian. Pero este libro volve ser un recordatorio de que todo canto acontece ao noso arredor merece a nosa atención e respecto.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.