Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/09/15

Coma unha áncora



Lin con crecente interese esta novela que nos propón a editorial Galaxia na súa colección "Costa Oeste"; trátase de Coma unha áncora de Iria Collazo López. Ben escrita, desenvolve unha dobre historia con moitos saltos no tempo e no espazo polo que procura un lector ou lectora atent@. Ben ambientada -o Mar omnipresente é o verdadeiro protagonista xa que é quen de artellar todos os pasos dos personaxes, de gobernar neles e no seu destino-, para o meu gusto estrágase nos dous últimos capítulos cun final digno do peor Hollywood. Unha mágoa, porque coido que o libro paga a pena, sobre todo pola historia que semella secundaria da señora cega pero que encerra un gran valor histórico; asemade ese Mar do que falamos dá pé a que as lendas que xorden na cabeza dos humanos teñan un sentido, posto que é o mar quen dita razóns fóra de espazo e tempo que dominan na terra. Será por iso que os humanos precisemos dunha áncora para non soltar amarras, para seguir sendo o que somos, vivindo a vida que podemos, ou aquela que nos deixan, como lle pasa a esa inmensidade de personaxe que supón a presenza da veciña cega na novela.
De todos os xeitos, cómpre tela presente, tendo en conta que non é de lectura doada para a rapazallada, xa que é necesario ser un lector ou lectora avezada para seguila. Así que é máis ca recomendable para o último curso da ESO ou mesmo para Bacharelato.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.