Deito aquí o texto da presentación do libro Rastros con enrugas de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Unha presentación que tivo lugar onte á noite na Libraría Vagalume de Lalín.
O primeiro que sorprende ao lector cando se achega por
primeira vez á obra de Xoán Carlos Domínguez Alberte é a reivindicación que
supuran todos os seus versos. Debo recoñecer, en primeiro lugar, que nada lera
deste poeta. É por iso que cando comecei a lectura dos seus versos lembrei
inmediatamente un libro que lin hai pouco chamado “En legítima defensa. Poetasen tiempo de crisis”. Porque a poesía de Xoán Carlos está inzada de chamamentos
a unha parte xorda da poboación: aquela que goberna. O seu compromiso social
destaca por riba de toda cuestión poética, e iso agradécese; agradécese a súa
ollada crítica sobre a dor que o tempo que estamos a vivir procura e agradécese
a denuncia que realiza, sinalando claramente os culpables de tanta dor.
Asemade, a súa conciencia social e política faino solidario e defensor do
público, atendendo especialmente á Educación –da que el forma parte como
profesor de ensino secundario- :
O GOBERNO MANTÉN CONVENIOS
COA EDUCACIÓN PÚBLICA
EN CINCO CENTROS PRIVADOS
CON CRUCIFIXOS
QUE CLASIFICAN POR SEXO
OS ALUMNOS E AS ALUMNAS.
(PÁXINA 29)
e á Saúde:
PUBLICITAN COMO REMEDIO
QUE A DÍA DE HOXE SE FAI
CADA VEZ MÁIS NECESARIO
EXTERNALIZAR SERVIZOS.
RESULTA MOITO MÁIS TERAPÉUTICO
CA ANUNCIAR A PRIVATIZACIÓN DE HOSPITAIS (PÁXINA 42)
O libro vai debruzando pouco a pouco e con ironía a realidade
que nos tocou vivir. Non marcha lonxe nin a outros tempos. O autor sabe ben que
desta volta a realidade supera á ficción e ten suficiente material para falar
del na súa poesía. Por iso comeza o libro cunha dedicatoria ben especial: “A
todas as vítimas da pobreza do capitalismo do capitalismo da pobreza”. Canda
esta temos que facer mención a outro detalle que, cando menos a min, resultoume
ben chamativo: a cantidade de citas e de fragmentos poéticos que salfiren o
texto, coma se dun acompañamento propio se tratase; voces que se unifican nun
clamor de denuncia social, de compromiso que, coma latexos, se incorporan ao
texto que nos ofrece o poeta.
A denuncia poética que estamos a ler fere, como fere a
realidade, e Xoán Carlos olla criticamente o día a día dunha sociedade que non
sabe enfrontar a violencia sutil á que é sometida, e pola que el sofre dende a
súa perspectiva poética. De aí que o seu mirar repouse en todos os espazos
posibles: hospitais, colexios... mesmo accidentes coma o do AVE (PÁXINA 41) e
achégase a un rural que desaparece ou a unha lingua que sofre baixo o estigma
da supremacía doutra.
Porque a Literatura social é necesaria, porque o tempo que
resistimos arestora cómpre enchelo de voces que falen de liberdade e igualdade,
palabras case ocas que se utilizan con descaro baleiradas do seu contido
primixenio, deturpándoas e ennegrecéndoas en boca de políticos e maltratadores.
Precísanse potentes amplificadores de voces denunciantes, de compromisos
literarios máis alá de egos e persoas, de voces xustas que auxilian torturados
polo silencio dunha verdade agochada unha e mil veces.
LEMOS ENTÓN OS “DEZ MANDAMENTOS DE DOUTRINA POPULAR PARA
TEMPOS DE CRISE”: PÁXINA 28
De todo isto infírese a necesidade de libros coma “Rastros
con enrugas”, libros que diseccionan a fouteza hipócrita daqueles que teñen
máis e oprimen ao máis débiles, heroes anónimos estes que tentan sobrevivir
nunha maraña de dificultades, nun riso perpetuo dos poderosos que oprimen dende
as súas cadeiras os silencios, os prantos, os anceios dunha vida mellor que non
chega.
Aínda que deberiamos ter comezados, quizais, pola portada, ou
polo título, e agora o deixemos para o final, veremos como a esta, deseñada por
Baldo Ramos –ao igual que as ilustracións esparexidas polo libro- ocúpaa unha
rosa vermella e arame, símbolos indiscutibles de sufrimento e opresión,
indicadores totais do que nos imos atopar ao abrir o libro. O título “Rastros con enrugas” , amosa o paso
do tempo, a experiencia, as fendas que este vai deixando na face individual das
persoas, máis fondas canto máis sufrimento. Resulta que
NON É PEOR QUE SEXAMOS
XENTE POBRE
CA POBRE XENTE (páxina 81)
Sen comentarios
Publicar un comentario