Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/09/15

Una extraña en la playa

A editorial Siruela publica no seu selo Alevosía este libro de Marie Hermanson que alguén calificou, sorprendentemente, de novela negra: Una extraña en la playa chama a atención sobre todo polo ambiente ornírico que nos presenta e a súa prosa poética, un libro que engancha pero que non encanta, o típico libro do que dis "está ben", sen máis. Non acaba de emocionar a pesar da prosa que utiliza e dos dous puntos de vista que ofrece -cun desenlace para un deses puntos de vista sorprendente e ben agradable para o lector-. A lectura, é certo, resulta envolvente e desexamos proseguila -a pesar de que nun principio tiven a tentación de abandonala- porque queremos saber que ocorre sobre todo con ese personaxe misterioso e enfermo que nos fala dende algunhas das súas páxinas. 
Lin por aí que é unha "novela inquietante"; a min non mo pareceu. Hai unha certa carga de suspense porque a trama comeza co achádego dun cadáver, pero este tampouco resulta ser o noso centro de atención; queremos saber que pasou con el (e saberémolo), pero non é o eixo da novela. Non crea unha intriga que estaría presente se realmente fose unha novela negra. Pero este achádego serve como punto de partida para que unha das protagonistas rememore o seu pasado e que nos vaia poñendo ao día do seu presente e do seu pasado. E neste repousa o peso da novela, unha novela de lembranzas, de soños e pesadelos, do paso do tempo que é, as veces, mentireiro. Este paso do tempo inexorable que fai cambiar as persoas e tamén os recordos convértese, asemade, nun protagonista oculto. Canto cambia o xeito de ver as cousas segundo a idade que se teña!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.