Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/09/15

Volverás, golfiño

Gustoume a proposta que Andrea Maceiras -con acaídas ilustracións de Víctor Rivas- fainos chegar a través da editorial Xerais: Volverás, golfiño é unha lectura acaída para o noso primeiro ciclo da ESO -ou o derradeiro ciclo de primaria- pola proposta diferente que supón a bifurcación entre realismo e maxia, a existencia de dous mundos compartidos que se amosa como algo natural; paseamos así entre unha mestura de realidade e fantasía que semella non teren límites, adubiadas ambas pola historia da Costa da Morte e os seus continuos naufraxios, facendo fincapé no afundimento do Prestige, algo que axuda a manter na memoria un dos peores sucesos do noso país e que a rapazallada non coñece. Estas historias son tan importantes no propio argumento que podemos falar de protagonista colectivo, en lugar de selo a propia nena que nos vai lenvando por elas. Unha nena que é afouta e sabe converterse nunha moza libre para enfrontarse a calquera pantasma sen dubidalo, aínda antes de saber se esta pode ser perigosa. E iso tamén é importante, a voz dunha moza que sabe loitar polo seu propio mundo  e que nos abre as portas da fermosa Costa da Morte e que nos lembra as almas dos afogados que alí penan.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.