O outro día unha persoa ben especial para min comentoume que fora ao instituto onde comezara a dar aulas, hai xa máis de 25 anos. E que alí estaba un carballo que el plantara daquela, arestora ben grande e fermoso. Apertouno cos seus brazos e sentiuse inmensamente feliz. Estou segura de que a árbore tamén se sentiu así. Asemade, tamén estou segura de que é unha árbore feliz porque está no patio dun centro escolar, onde sa fan as fotos as diferentes xeracións que por alí pasan.
A felicidade da árbore e desta persoa estiveron presentes na miña lectura deste clásico que vén de publicar Kalandraka, A árbore xenerosa, un libro escrito no ano 1964 por Shel Silverstein, e que me acaba de namorar e entristecer enormemente. A natureza, sempre disposta a dar, e o home, egoísta, disposto a recibir. Disto fala este álbum que se presenta en tinta negra sobre fondo branco, con ilustracións ben sinxelas, e con texto ben metafórico: unha árbore que dá todo ao seu amigo -humano- ata converterse no que non era: nun toco. Porque o amigo, o humano, non sente nin se preocupa da felicidade da árbore, non ten intención de coidar da natureza, mentres que o contrario si ocorre. É esa natureza a que vén de persistir séculos amparando unha humanidade empeñada en destruíla. E mentres a destrúe, a natureza segue a ser unha fiel aliada. Quizais, porque a verdadeira natureza da amizade no comprende de intereses, simplemente, xenerosa, ofrécese e dáse.
Sen comentarios
Publicar un comentario