Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/10/15

Irene


Cando me prestaron este libro, non pensei que ía lelo tan axiña. Pero é inevitable. Irene, de Pierre Lemaitre, publicado por Alfaguara, é unha homenaxe en toda a súa extensión ao xénero negro. Moi negro, diría eu. O protagonista, tan lonxe dos cánons, será un personaxe a quen acompañaremos dun xeito irrefreable, aínda que saibamos polo título que vai ocorrer o inevitable cara ao final do libro. Un libro que, asemade, está escrito por un amante lector da novela negra e que decide utilizala para recreala arestora nunha historia de violencia, moita violencia e de perdas, perdas insoportables.
Temos un asasino despiadado que realiza os seus actos brutalmente homenaxeando autores clásicos de novela negra: escenas profusamente violentas, sorpresas metaliterarias... o comezo do libro supón xa unha labazada inicial e a dor non mitiga nin no final. O ritmo, trepidante, a tensión, continua, aínda intuíndo que algo vai ocorrer con respecto a unha personaxe... pero non importa ren. Porque o autor consegue atrapar. Recoñezo que esa previsibilidade da que falo é un hándicap para que sexa unha novela perfecta, pero o feito de que a literatura sexa tamén protagonista no seu xénero de novela negra aporta un toque de beleza ao libro, para min, claro, que xa sabedes que peco de amor polos libros.
Moi recomendable. Aínda que creo que Vestido de novia era mellor.


1 comentario:

Paz dixo...

Este libro non o lin. Si devorei vestido de novia

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.