Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/10/15

La jardinera

Precioso libro publicado por Ekaré, La jardinera é de Sarah Stewart e está ilustrado por David Small. Este álbum é moi orixinal e diferente, primeiro porque o que lemos son as cartas que a nena protagonista escribe á súa familia; é dicir, o xénero epistolar serve para explicar a historia. Así saberemos das dificultades económicas que pasa a familia e que serán a razón de que a nena teña que ir vivir cun tío que tampouco se debe sentir moi feliz porque nunca sorrí. Así que a nena, irredutible, terá un propósito inmediato: facer sorrir a seu tío. E non é labor doado! A nena representa a infancia máis pura: a ilusión por riba de todo -ese amor polas plantas- e o esforzo supremo por conseguir o obxecto do seu desexo. Isto farao organizando unha sorpresa especial que o texto non nos desvela pero si as ilustracións.
Unha nena consegue que todo cambie, que todo sexa máis positivo, e que o optimismo se teña como un valor. Precioso!
O álbum foi seleccionado entre a Lista de Honor Caldecott de 1998.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.