Que pode saír dun libro asinado por un trío de ases? Sen dúbida, unha pequena marabilla. Publicado con coidado na colección
Milmanda da editorial Xerais -como me gustan estas follas lenes!-, o poeta Antonio García
Teijeiro, o especialista en literatura popular Antonio Reigosa e o -meu- ilustrador Xosé Cobas dan a luz o libro titulado Lendo lendas, digo versos. O
libro contén vinte lendas recollidas da tradición oral onde se fala de mozas encantadas e mouras, trasnos rebuldeiros, animais que falan e ata da competencia entre deus e o demo... Estas lendas, compostas baixo a verba de Reigosa, contan cun poema de García Teijeiro que recrea a súa historia, e faino mediante a axilidade da copla que reforza a oralidade expresiva que antes tiñamos. Pero aínda hai máis: logo da lenda e da poesía complétase cunha ilustración de Cobas. Ostras! Ilustracións inconfundibles pola delicadeza marca da casa deste home que, á súa vez, fai unha interpretación da lenda e do poema nunha soa imaxe. Así, a atmosfera poética e fantástica que viñamos recollendo na escrita entra de vez nas nosas retinas dende a imaxe, poderosa ferramenta que o ilustrador manexa a pracer.
E é que é un pracer ter este libro na man.
Pero que vou dicir eu, que estou pagada por esta xente! Iso si, non hai ningunha lenda dezá. Cachis!!!
Sen comentarios
Publicar un comentario