Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/10/15

Letras al carbón

Volve a editorial Juventud a engaiolarnos cun dos seus álbums que falan da vida real, desa que semella tan afastada. Baixo o título Letras al carbón, Irene Vasco e Juan Palomino cóntannos unha e mil vidas reais, aquela de moitas mozas e mulleres que viven afastadas da educación e que aprenden a ler e a escribir porque saben da súa importancia. 
Unha nai colombiana conta ao seu fillo como aprendeu a ler dentro dunha comunidade analfabeta; este poder que lle dá a lectura e a escritura fará que ela sexa máis dona do seu destino. Porque o libro conta unha historia que se traduce en moitas, a alfabetización, a entrada a un mundo de palabra escrita, un mundo de información, de crítica, de cultura. Sen esta non hai posibilidade de que o camiño da sociedade vaia na boa dirección. Non pode haber xustiza nin igualdade sen cultura, sen educación. E iso é o que nos transmite este libro sen pretender dar ningún sermón. Conta o que hai, e nós traducimos o que se agocha.
E ao carón do texto, unhas ilustracións que nos amosan con todo detalle a vida rural dese pobo.
Un álbum altamente recomendable. Quizais mesmo imprescindible.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.