Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/10/15

Morena, perigosa e románica

Despois dun par de días -coas súas correspondentes noites- cavilando en como achegarme a este espazo en branco para falar da última novela de Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica editada por Xerais, debo confesar que sigo sen saber como enfrontarme ás palabras de desalento que me provocou a lectura, denominada no meu interior como a "gran decepción". Quizais foran moitas as expectativas que nela despositara; debo confesar que estaba eu agardando a súa publicación cal adolescente fan de Justin Bieber. E xa se sabe, cando moito se espera, maior é a caída.
Claro que era consciente do cambio de rumbo deste nova novela de Pedro Feijoo. Un escritor que, posta a facer confesións, namoroume a primeira vez que falamos por teléfono con esa dozura de voz que se gasta e porque supuña un novo alento literario no panorama das nosas letras. E claro, cando unha ten o corazón conquistado, o camiño a percorrer é ben máis curto. Supoño que iso é o que provocou o meu cabreo cando comecei a lela e a... aborrecela? Ben, non tanto. Xa sei que Pedro é moi consciente de que nos estaba a ofrecer unha comedia disparatada con personaxes arquetípicos de baixa extracción intelectual... pero, caramba, Pedro, ti es moitísimo máis simpático do que demostras neste libro!!! E iso sen dicir, "permítanme que introduza un argumento", porque esta frase xa queda de vez denostada para sempre.
Téñoo dito moitas veces: eu non son crítica literaria, non teño ese título nin me convidan a cear nos Premios Planeta -xa que acae-: son unha lectora que publica un blogue. Nada máis. E vaia tamén por diante que recoñezo que pretendo sempre ser honesta no que ás miñas opinións se refire. Quizais teña máis liberdade por non ser crítica literaria, quizais haxa ocasións nas que sexa vilipendiada por este motivo (teño recibido algunhas queixas nos comentarios). Pero coido que Pedro Feijoo sabe de sobra que a miña crítica, ou o meu rexeitamento desta novela, é feita dende o cariño máis absoluto. Pero non vou dicir que é a novela que eu agardaba, nin vou dicir que esta é a comedia do ano cando está moi lonxe diso; ogallá o fose, xa que estamos desexosos de comedias nos centros escolares: sabedes que loucura é buscar  unha comedia cando o alumnado demanda rir?; se me piden libros de medo, de terror, de policías, téñoo moito máis doado. Libros de risa, non che hai tantos. De aí que a priori tamén saudara con ledicia a publicación dunha comedia deste home a quen aprecio. Non considero en absoluto que a comedia sexa un xénero menor, ao contrario. E non van por aí as miñas críticas.
Asemade, tampouco podo negar que a novela déixase ler con facilidade, e esta é a virtude que presenta. Sabendo que disparate tras disparate alá imos pola Virxe do Montserrat, pódovos asegurar que tampouco perderedes o tempo. Pero debo insistir: podería ter sido unha comedia magnífica de posuír ingredientres literarios que escasean. Si hai crítica e retranca sobre o absurdo da vida, si hai desenfado, si hai miseria, si hai engano e si, ata hai amor -aínda que se presente como un "rara avis"-. É dicir, temos os compoñentes necesarios para que o resultado final fose delicioso... pero o forno non estaba á temperatura axeitada.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.