Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/11/15

De remate

Onte estivemos no club de lectura con Héctor Cajaraville e o seu De remate, premio Xerais 2015. Así que esta foi a miña última lectura, o que constituíu unha boa elección, xa que houbo momentos lectores ben agradables e divertidos.
Emprega o autor unha prosa fresca, fluída, na que destaca a ausencia de dramatismo a pesar da realidade que vive o protagonista, algo que se desvela xa no prólogo do libro; este afastamento é quizais un dos mellores logros da novela, que reflicte unha vida calquera chea de sombras e de luces con final tráxico, sendo a pesar diso unha novela lúdica cun contrapunto final na última carta. Así pois, o optimismo que regala o libro agradécese sobre todo por esa retranca que domina os artigos, uns artigos que nos fan desexar comprar o xornal onde escribe o protagonista para seguir a lelo. Deses artigos, eu -deformación profesional- destaco os lingüísticos, pero o mellor de todos é, sen dúbida, "Castrofobia no autobús" onde consegue verdadeiras gargalladas; o feito de que este sexa un dos primeiros artigos engade valor ao libro, pois aumenta as ganas de seguir a lectura. Realmente, esa é a parte que máis me gusta pola aproximación irónica á realidade e o seu xogo de palabras constante. Unha retranca que botamos tantas veces de menos na nosa prosa! Con esta, o autor consegue fotografarnos como somos, retratar a nosa singularidade, construír retallos vívidos da nosa idiosincrasia. 
A destacar asemade a autocrítica que contén o texto. Dentro desta crítica ficcional realízase unha crítica ao mundo do xornalismo, profesión do autor, e unha crítica social que se entrevé mesmo nos correos que se escriben. A crítica é un fío condutor da novela, un elemento cohesionador importante.
Un libro diferente que paga a pena ler.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.