Recibo un paquete. Non coñezo de onde vén, aínda que, está claro: é un libro. Cando o abro, a sorpresa, magnífica, é maiúscula. Unha xoia refulxe. E cando a abro, a súa luz faise máis intensa. Dáme medo que esmoreza e péchoo con tenrura e abraio.
Marcho para a casa. Con extremo coidado, volvo a abrilo para saber se segue a ocorrer o milagre da intensidade lumínica. E segue aí: unha luz cegadora despréndese de cada páxina. Unha luz que me envolve e me atrapa entre soños de mares e de flores, de versos que non murchan, de lúas que sorrín, de barcos que me convidan a navegar canda eles.
Un libro. Claro, a xoia non podía ser outra cousa que un libro de poesía escrito por Antonio García Teijeiro con ilustracións de Xosé Cobas. A editorial, toda unha novidade para min, Creotz, que vén de sacar unha nova colección que leva mimos de produción: "Hilo de cometa". Porque con verdadeiro mimo é o único xeito de publicar así.
O libro vén asinado por dous grandes. E eu, máis pequerrecha ca nunca, deixo que a poesía da palabra e da ilustración me capture. Apértame un sorriso pícaro que sei que viaxa dende Cambre. A noite xa non é negra, porque unha Lúa xoguetona buscou versos para nadar, para andar, para percorrer montañas. As ondas dos versos mexen o meu berce con fonemas, sílabas, palabras que cantan dende un Vigo conquistador de mares.
Pecho o libro con esmero. Sei que seguirá brillando mentres os soños de baleas e gaivotas erguen canda min un voo de escuma. Volvereino abrir para cheirar o arrecendo do sal.
Fermoso. Doce. Delicado. POESÍA
¡Qué frías las aguas,
las aguas del mar!
Las luces del alba
se pueden helar.
2 comentarios:
Mais que un comentario unha pregunta : haino en galego?
Non, non o hai. Ogallá!!! Coido que esta editorial, malia ser de Vigo, só publica en castelán.
Grazas por preguntar!
Publicar un comentario