A Mesa Pola Normalización Lingüística vén de convocar un acto de apoio ao Regulamento de promoción do uso do galego no Concello de Cee, que foi rexeitado no último Pleno. Para este acto, que vai ter lugar o domingo 15 de novembro ás 12h, diante do Concello de Cee, Miro Villar, quen me manda esta nova, participou na redacción deste Manifesto que xa conta con moitas adhesións, nomeadamente de xente da cultura e doutros ámbitos da Costa da Morte, e que tamén se pode partillar aquí. E ao que seguirá o luns unha táboa redonda na Casa da Cultura, que contará coa presenza da sociolingüísta e profesora da UdC Pilar García Negro, da profesora de dereito da USC Alba Nogueira López, de Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, e Marcos Maceira, presidente da Mesa.
Manifesto QUEREMOS GALEGO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL DE CEE!
Gonzalo López Abente, sobranceiro escritor e académico muxián, traballador da banca «depurado» polos franquistas polo seu galeguismo, foi quen de reivindicar a defensa do uso da nosa lingua aínda en pleno vigor do réxime, cando o 27 de xullo do 1941 pronuncia en galego o seu discurso de entrada como membro numerario na Real Academia Galega (RAG) no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co título A Terra e a poesía de Eduardo Pondal. Nun dos seus parágrafos sobre o uso da nosa lingua afirma:
«Non usala nesta hora adicada á sua recordanza non sería doado, mais ben sería un pecado cometido contra o Bardo e contra a terra en que se erguéu altivo e sonoroso como un pino lanzal. (…) que non caia sobre nós a sua condenación cando excrama irado:
A lingua tiveran,por lingua de escravos;
esqueceran os patrios acentos,
suidosos e brandos,
dos propios acentos,
tiveran vergonza.»
Gonzalo López Abente aínda conservaba o espírito das Irmandades da Fala (1916), entidades das que axiña imos conmemorar o seu centenario, que naceran para visibilizar a nosa lingua en todas as vilas e cidades galegas, na procura de novos ámbitos de prestixio, de socialización e de uso.
A día de hoxe existen outros colectivos e persoas (dos propios acentos, / tiveran vergonza) que se encabuxan en lle poñer atrancos aos temesiños avances da nosa lingua, como é o caso de quen teima en frear unha ordenanza que pretende a normalización do galego no concello de Cee e para iso fan uso de cativos e trapalleiros argumentos sobre a suposta marxinación do castelán.
Unha ordenanza que só pretende favorecer actitudes positivas a prol da normalidade no uso da lingua galega, que os máis recentes inquéritos oficiais sinalan en constante devalo no seu uso, por mor da ausencia de medidas e de políticas de protección.
De pouco serve que todos os partidos con representación parlamentaria asinasen unha Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega, na que se insta a votar a favor do impulso mínimo á nosa lingua galega para desenvolver disposicións legais como a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego.
De pouco serve se isto non vai acompañado de políticas activas, que promovan o empoderamento da lingua galega, para a converter en lingua de comunicación habitual na administración e nos servizos públicos, na educación, na sanidade, na xustiza, nos medios de comunicación, no comercio, na industria ou en calquera ámbito.
Hai que darlle a volta ao menosprezo de quen queren coutar a nosa lingua máis unha vez ao ámbito coloquial e familiar, coma acontecía no franquismo, e para iso cómpre defendermos os dereitos lingüísticos con lexislación como a proposta para a súa aprobación no concello de Cee e, despois, con medidas activas e orzamentos axeitados para facermos do galego un idioma natural na súa comunidade de falantes.
Caso contrario, han continuar os prexuízos sobre o uso da nosa lingua que están a favorecer a perda da súa transmisión interxeracional e, como consecuencia, a desgaleguización dunha parte da nosa mocidade e da sociedade no seu conxunto.
Como xa ben dicía Gonzalo López Abente, nun artigo publicado na revista Nerio (Corcubión, 1921): «A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca».
Sen comentarios
Publicar un comentario