Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/11/15

Os elefantes de Sokúrov

Comecei con ilusión a nova novela de Antón Riveiro Coello -un dos mellores escritores do país dende o meu punto de vista- publicada por Galaxia, Os elefantes de Sokúrov, pero debo dicir que desta volta non consegue conquistarme, aínda que xa estaba, xaora, ben predisposta. Desta volta, o libro non me enche, é máis, custoume seguir a lectura nas case primeiras cen páxinas, se ben debo recoñecer que a partir da segunda parte interesoume moito máis, aínda que non alcanzase unha plenitude que eu, por ser el quen é, lle presupoñía. Iso si, a historia medra e o interese canda ela a medida que avanzamos no número de páxinas.
Riveiro Coello ataca diversos temas de actualidade na novela, como son os desafiuzamentos, a crise económica, a corrupción, a educación... pero teño para min que cae nun didactismo impropio dun gran escritor, que nos ofrece estes temas clave xa mastigados sen darnos opción á nosa propia crítica, e ese é para min un dos grandes defectos que presenta a novela.
Demostra o autor o seu amor polos libros, por algunhas cidades europeas -Santiago de Compostela, espazo propio e espazo soñado, terceiro protagonista da novela: en breve faremos paseos literarios da súa man- e descóbrenos un amor descoñecido -por min- polo cine ruso e sobre todo polo director Alexander Sokúrov, de quen mesmo colle o nome para titular este seu libro, servindo de base para unha portada deliciosa que convida á compra e lectura do volume e que nos agasalla un final espectacular e tenramente curioso.
Historias diferentes para moitos personaxes que se mesturan e pululan polo libro para nos deitar unha ollada múltiple. A vellice é un pano de fondo, como a soidade ou o desexo. Non só temos dous protagonistas principais senón que arredor hai un abano de sentimentos particulares trazados en diversos personaxes que nos conmoven. Historias de vidas e de mortes, historias agres e doces.
Quen escribe ben ten oficio, e así o demostra o noso autor. Riveiro Coello sabe alcanzar a beleza coa palabra, e déixao demostrado en moitas das súas frases e das súas páxinas. Permitídime que desta volta me distancie dos eloxios porque non acabo de ler unha obra mestra. E así o teño que dicir. Pero debo engadir que temo estar nunha crise lectora que comeza a ser preocupante.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.