Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/11/15

Tiempos de hielo

Descarado, non estou pasando polo meu mellor momento lector, xa que nin Fred Vargas conseguiu encherme, é máis, non topo nada que consiga sentirme satisfeita ao cento por cen. E isto está claro que é ben raro. Pero é que Tiempos de hielo, publicado por Siruela, fartoume de Robespierre e a historia francesa desta época. Iso si, recoñézolle a súa mestría e confeso a miña admiración máis sincera polo seu comisario Adamsberg. Pero ollo, se non coñecedes ningún dos seus libros, non comecedes por este. En realidade, os libros de Fred Vargas case se deben ler cronoloxicamente, posto que os personaxes van tendo unha traxectoria que debemos seguir para non perdernos nos seus habituais comentarios ou procederes. O mellor do libro é conseguir dúas historias cruzadas constantemente: un estraño e lúgubre suceso nunha illa de Islandia dez anos atrás, e por outro unha entidade sorprendente chamada "Asociación de Estudio de los Escritos de Maximilien Robespierre". Polo medio, claro está, asasinatos que investigar. Ou son suicidios?
De fondo, a marca da casa: nada é o que semella, o sobrenatural está presente a carón do racional. De aí que teñamos animais salvaxes que conviven en harmonía, decapitados e verdugos... cousas inverosímiles que poboan unha novela negra que tamén o é de aventuras.
Sempre paga a pena ler a Fred Vargas. Aínda nos meus momentos baixos de lectura. Para min, unha das mellores.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.